Espiral de Creación Viral

Cartel Espiral Creación Viral

O confinamento cambiouno todo 

O cambio é remexedura

espiral de sentimentos

palabras

imaxes

sons

Dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Aquis Celenis queremos axudarvos a canalizar os sentimentos que se remexen dentro de vós. Propoñémosvos que a través da palabra, das imaxes, dos sons ou de calquera outro tipo de soporte deixedes saír os sentimentos que o confinamento vos espertou.

 

A temática das creacións será xusto esa: o tempo de confinamento e corentena. Expresade o que sentides no voso día a día, as expectativas de futuro, o que vedes a través da fiestra, como mudaron as relacións coa familia e as amizades, os desacougos ou incertezas desta situación… 

 

O soporte das vosas creacións é totalmente libre: palabras (poemas, microrrelatos, haikus…), imaxes (collages, fotografías, videopoemas…), sons (paisaxes sonoras, cancións, poemas recitados…).

 

«As boas razóns cautivan os corazóns» e esta Espiral de Creación Viral ten dous argumentos potentes para poñervos a crear:

  1. Crear para combater o illamento: as creacións penduraranse no blogue e nas redes do Equipo de Dinamización para crear pontes entre toda a comunidade do Aquis durante o confinamento.
  2. Crear para lembrar: cando o formato o permita, as obras encherán as paredes do centro para recordárennos na volta e no noso día a día a fortuna da liberdade e a felicidade das apertas.

 

Podedes poñervos a crear XA! O prazo para o envío das vosas creacións confinadas estará aberto mentres non volvamos ás aulas. Facédenos chegar a canalización da vosa creatividade a aquisfalamos@gmail.com. No asunto do correo electrónico debedes poñer “Espiral de Creación Viral”.

Fai o que che pete, pero fai algo! En comunidade creamos espirais de alento e de coidado, estruturas que nos axudan a continuar co ánimo alto no camiño e que han contribuír a que saiamos reforzadas desta emerxencia.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s