RUXE RUXE Nº 18

Despedimos o curso coma sempre coa publicación da revista do noso GRAN EQUIPO o Ruxe Ruxe que ano tras anos esparexemos polo mundo adiante. Encántanos facer memoria  das actividades que fixemos ao longo do curso, do tempo que pasamos xuntos e xuntas traballando pola nosa lingua, dándolle voltas a ideas que acaban sendo feitos ou non…

Para nós esta revista é algo moi grande porque reflicte o que somos e o que nos importa. Agardamos que gostedes dela.

FELIZ VERÁN  PARA TODOS E TODAS!

MEMORIA DAS MEMORIAS DUN NENO LABREGO

“En 1961 publicouse en Bos Aires un dos libros máis sobranceiros da literatura galega. O máis editado, lido e traducido. O que todos lembramos con tenrura. O que todos asociamos con algunha vivencia propia ou herdada. Estamos perante unha importantísima celebración para a cultura galega: o 50 aniversario da 1ª edición de ‘Memorias dun neno labrego’.

As “Memorias” deixaron en centos de miles de persoas un farturento pouso emotivo. A memoria dunha sociedade que nestes últimos 50 anos foi deixando de ser eminentemente rural para iniciar unha longa travesía cara a un universo urbano, nunha viaxe chea de interseccións e mestizaxes que explican a nosa moderna identidade. Un universo de antigos nenos labregos. Ou fillos, netos, bisnetos, tataranetos de nenos labregos. Habitantes das leiras de asfalto, ou das aldeas da memoria, que por moito que se laven sempre terán a alma lixada de terra.”

Con estas palabras presenta Candido Pazó o seu espectáculo “Memorias das Memorias dun neno labrego” que onte tivemos a sorte de gozar no Auditorio de Caldas xunto cos nosos amigos e amigas do CPI Alfonso VII.

 

 

VII FESTA DA LINGUA

Hoxe, no Auditorio da Azucreira de Portas, xuntámonos os centros da comarca para facerlle unha boa festa a nosa lingua. As presentadoras, Blanca e Uxía, fíxeron un grandísimo traballo, improvisando, saíndo ao paso dos erros de organización, inevitables coma sempre.

Parabéns ás dúas polo voso entusiasmo!

DSC_0491

Léronse os poemas e relatos inspirados pola palabra “devagar” escollidos pola escritora Andrea Maceiras como os mellores de todos os que se presentaron ao “Concurso de Microtextos Terras do Umia”. Escoitamos os temas seleccionados polos centros para participar no concurso de cancións en galego “Sondoumia” e puxéronllo moi difícil a Amós Varela (batería de NAO) para escoller os traballos gañadores. Tamén se fixo entrega do “Lingumia 2016”, premio á implicación no uso do galego no sector xurídico,  ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción Nº 1 de Caldas e, na súa representación, á xuiza Encarnación Dasi Dorelle.

montaxe2

Rematamos co desexo de volver celebrala o próximo ano, porque o talento e o galego ben merecen unha festa!

Cantamos, lemos, rimos, pasámolo moi ben!

UNHA FESTAZA!!!

FALANDO DE LIBROS PARA RADIO CALDAS NA BIBLIOTECA MUNICIPAL

Fai unhas hora que Ana, Lía, Isabel e Enara falaron en directo para Radio Caldas, dende a Biblioteca Municipal, nun programa especial que se ven facendo hai anos para celebrar o Día do Libro.

Ana recomendou a lectura do libro “A miña planta de laranxa lima” de José Mauro de Vasconcelos aínda que sexa “un libro moi triste”. Lía falou de “Escarlatina, a cociñeira defunta” de Ledicia Costas, un libro que xa vai pola súa sétima edición e que levou unha chea de premios, entre eles o Premio Nacional de Literatura Infantil, 2015. Isabel explicou como algúns dos poemas de “Penúltimas tendencias” de Carlos Negro conectaron cos seus sentimentos dun xeito moi especial e, para rematar, Enara comentou que “Vidas post-it” de Iolanda Zúñiga supuxo para ela unha lectura interesante pero sinte que terá que relela no futuro para atoparlle “todo o sentido” aos relatos que configuran esta obra.

As nosas valentes lectoras estiveron moi ben nas súas intervencións e queremos felicitalas ben alto:

PARABÉNS!!!

GOSTAMOS DE PORTUGAL

Que no Aquis gostamos de Portugal non é ningún segredo. En canto podemos, collemos un bus e alá imos gozar do país veciño. Este ano xa tivemos ocasión de ir a Viana do Castelo co alumnado de Portugués, a Lisboa co alumnado de 4º ESO e 1º de Bacharelato e xa temos organizadas tres viaxes máis, a Coimbra cos clubes de lectura e alumnado do EDLG, a Guimarães co Proxecto Terra e a Porto de novo co alumnado de Portugués.

Aquí deixamos imaxes e música de Portugal para que entendades mellor esta querenza nosa.