A lingua bota a andar no Aquis!

Este pasado martes 27 de setembro puxemos en marcha, un ano máis, o Equipo da Lingua no noso instituto. Unha marea de mozas e mozos xunto cun grupo de profes xuntámonos durante a hora de xantar para presentármonos e presentar cales van ser os eixos do noso traballo.

Foi un encontro que nos encheu de forza para afrontar o curso porque temos moita xente nova e de todos os cursos, dende 1º da ESO até 1º de Bacharelato. Aproveitamos esta primeira xuntanza para poñer en valor o traballo feito no noso centro o curso pasado a través do proxecto interdisciplinar Poesía para pasear o mundo, intimamente relacionado con dúas datas sinaladas que abrían e pechaban esta semana: o Día Europeo das Linguas e o Día Internacional da Tradución. Demos un marabilloso paseo pola beira do Umia e achegámonos ata o Banco da Poesía que desde finais de xullo está na zona da Tafona. Comprobamos que o código QR que hai no banco nos permite acceder, a través do noso idioma, á poesía creada en moitos lugares do mundo e tamén a unha escolma de poetas galegos/as. Para rematar a visita lemos un dos poemas seleccionados no proxecto.

Así pois, comezou o curso e activouse o Equipo da Lingua!

Manteis e trípticos para a hostalaría

Fomentar o uso do galego por parte do alumnado, do profesorado e da comunidade educativa é a finalidade do proxecto interdisciplinario “As palabras no camiño II”

Para lograr a maior difusión posible, o alumnado do EDLG deseñou manteis e trípticos con acceso mediante códigos QR aos 23+9 vídeos para a hostalaría e  o comercio de Caldas de Reis que, coa colaboración do Concello, serán distribuídos na vila.

Cando falo galego… son protagonista!

O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do Aquis quere animarvos a seguir movendo a nosa Lingua en todos os ámbitos, incluíndo as redes sociais máis empregadas. Unha destas redes é Tiktok; nela apenas hai contido en galego, así que creamos a nosa conta @aquisfalamos e animámoste a participar nesta campaña de dinamización:

crea o teu vídeo en galego, debe conter a frase: “Cando falo galego…”, súbeo a Tiktok e compárteo con nós a través do whatsapp (enviándoo ao número 654838767) ou ben a través do correo, envía a ligazón a aquisfalamos@gmail.com co asunto “Cando falo galego… ” Tanto se o envías por whatsapp como por correo, indica o teu nome e apelidos, curso e grupo.

Imos rebentar Tiktok!

Ao final de cada semana compartirémosvos o vídeo máis creativo a través da canle de TikTok, Instagram e whatsapp.

Agroma a esperanza

Agroma a esperanza é o título dun poema colectivo creado remexendo os pés de foto que o profesorado do Aquis colocou nas imaxes que ven desde o seu confinamento.

Agroma a esperanza é tamén unha posta en valor: fóra das nosas ventás a vida continúa e, dentro, aprendemos a valorar mellor a beleza inmensa que nos acubilla.
Isto foi o que vimos o profesorado do Aquis Celenis ao abrirmos as fiestras da nosa casa.

Día de Rosalía

5-acuarela-rosalaia_1

Como estes últimos anos a AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) convoca unha serie de actividades para conmemorar o Día de Rosalía. A proposta deste ano ten o lema:  #ErrantesPoloMundo_rdc20 e trátase de crear postais que escenifiquen os procesos migratorios actuais engadíndolles a pé de foto versos de Rosalía.

Neste curso o día 24 coincide coas festas do entroido, por iso será o venres 21 de febreiro cando amosaremos os traballos do alumnado do EDLG sobre a proposta da AELG.

Anímate a participar! Lembra que as imaxes non deben ter dereitos de autor/a.

Algo máis sobre a Festa da Lingua

A Novena Festa da Lingua, celebrada o venres 4 de maio na azucreira de Portas foi unha festa das letras e da música na nosa lingua, na que o protagonismo é das alumnas e alumnos dos centros integrados na Coordinadora Terras do Umia.

Oito grupos de música participando en directo no Sondoumia, as persoas vencedoras do concurso de microtextos lendo os seus escritos ao redor da palabra clave “eiva” e sete valentes contando as súas historias para levar o primeiro premio do Contaumia. En fin, dúas horas de xuntanza e emoción.

Este ano tivemos a sorte de contar con grandes profesionais nos distintos xurados, aos que hai que agradecer a súa disposición e colaboración desinteresada. Así, como xurado de microcreacións, tivemos ao escultor Fran Rodríguez Remiseiro; nos microtextos actuou de xurado o escritor Nacho Taibo;  a difícil función de xurado musical correspondeulle ao grupo Tanxugueiras; e para valorar a actuación de contadoras e contadores acompañounos na festa o actor Fran Rei. Todo un luxo poder compartir unhas horas con eles!

Na festa tamén se entregou o Lingumia deste ano a actriz cofundadora de Ibuprofeno Teatro, Marián Bañobre. Con este premio preténdese recoñecer a profesionais de distintos ámbitos que, desde o seu traballo, promocionen e defendan a lingua do único xeito efectivo: co seu emprego normal acotío. Ao recoller o premio, Marián falounos dos motivos que a levaron a converterse en galegofalante, nun pequeno discurso precioso que, desafortunadamente, o noso cámara non recolleu (non se pode estar en todo….).

En fin, o EDLG do Aquis só ten palabras de agradecemento para todo o alumnado que participou nos diferentes concursos, para as presentadoras, para o cámara…Claudia, Ana, Anaís, Lucía, Manuela, María, Sara, Zaira, Alba, Xulián, Brais, Gabriel….Con xente coma vós a lingua ten futuro!!!