A lingua bota a andar no Aquis!

Este pasado martes 27 de setembro puxemos en marcha, un ano máis, o Equipo da Lingua no noso instituto. Unha marea de mozas e mozos xunto cun grupo de profes xuntámonos durante a hora de xantar para presentármonos e presentar cales van ser os eixos do noso traballo.

Foi un encontro que nos encheu de forza para afrontar o curso porque temos moita xente nova e de todos os cursos, dende 1º da ESO até 1º de Bacharelato. Aproveitamos esta primeira xuntanza para poñer en valor o traballo feito no noso centro o curso pasado a través do proxecto interdisciplinar Poesía para pasear o mundo, intimamente relacionado con dúas datas sinaladas que abrían e pechaban esta semana: o Día Europeo das Linguas e o Día Internacional da Tradución. Demos un marabilloso paseo pola beira do Umia e achegámonos ata o Banco da Poesía que desde finais de xullo está na zona da Tafona. Comprobamos que o código QR que hai no banco nos permite acceder, a través do noso idioma, á poesía creada en moitos lugares do mundo e tamén a unha escolma de poetas galegos/as. Para rematar a visita lemos un dos poemas seleccionados no proxecto.

Así pois, comezou o curso e activouse o Equipo da Lingua!

Manteis e trípticos para a hostalaría

Fomentar o uso do galego por parte do alumnado, do profesorado e da comunidade educativa é a finalidade do proxecto interdisciplinario “As palabras no camiño II”

Para lograr a maior difusión posible, o alumnado do EDLG deseñou manteis e trípticos con acceso mediante códigos QR aos 23+9 vídeos para a hostalaría e  o comercio de Caldas de Reis que, coa colaboración do Concello, serán distribuídos na vila.

Paseo sonoro con Xela

Que vos parecería escoitar as letras de Xela na voz do alumnado e profesorado do Aquis e na voz da propia Xela? Para todos e todas vós, que non puidestes disfrutalo nos corredores do Aquis, deixámosvos aquí esas voces para que poidades escoitalas:

Os gañadores do concurso foron Laura Rey 4ºESO A e Diego Valiñas 1ºESO B.

As LETRAS GALEGAS en caricatura

Arredor da celebración nosas Letras visitou o Aquis Heitor Picallo, gran artista e divulgador da nosa cultura, quen compartiu co alumnado de 4º ESO de Plástica os orixinais do libro que vén de publicar As Letras Galegas en Caricatura e fixo un percorrido vinculando esas ilustracións cos autores e autoras homenaxeados nas Letras Galegas e con algunhas primeiras edicións de obras da literatura galega.

Ciencia en galego!

O alumnado da ESO xunto con alumnos e alumnas de 1º Bacharelato e o profesorado de Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química, Matemáticas, Tecnoloxía e Plástica, rematamos hoxe os obradoiros científicos e tecnolóxicos cos que queremos fomentar a Ciencia e a Tecnoloxía no Aquis.

Mais non só iso, queremos reinvidicar o facer ciencia e tecnoloxía na nosa Lingua!!

Velaí vos deixamos as imaxes deses dous días:

O día da Candeloria

Onte, 2 de febreiro, celebramos o amor no día da Candeloria.

Aquí vos deixamos a explicación da palabra candeloria e o significado desta festa que atopamos no “Portal das palabras” para que entendades porque cambiamos a celebración do día 14 de febreiro pola do día da Candeloria.

Como sabedes, neste día repartiamos unha postal para que cadaquén puidera escribirlle unhas letras ao/á seu/súa namorado/a xa que o Equipo de Normalización encargábase de facerlla chegar. Mais, debido á pandemia, evitamos que as postais se intercambiaran e o Equipo de Normalización entregounas con propostas de frases para namorar. Velaí as tedes:

Espiral de Creación Viral

Cartel Espiral Creación Viral

O confinamento cambiouno todo 

O cambio é remexedura

espiral de sentimentos

palabras

imaxes

sons

Dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Aquis Celenis queremos axudarvos a canalizar os sentimentos que se remexen dentro de vós. Propoñémosvos que a través da palabra, das imaxes, dos sons ou de calquera outro tipo de soporte deixedes saír os sentimentos que o confinamento vos espertou.

 

A temática das creacións será xusto esa: o tempo de confinamento e corentena. Expresade o que sentides no voso día a día, as expectativas de futuro, o que vedes a través da fiestra, como mudaron as relacións coa familia e as amizades, os desacougos ou incertezas desta situación… 

 

O soporte das vosas creacións é totalmente libre: palabras (poemas, microrrelatos, haikus…), imaxes (collages, fotografías, videopoemas…), sons (paisaxes sonoras, cancións, poemas recitados…).

 

«As boas razóns cautivan os corazóns» e esta Espiral de Creación Viral ten dous argumentos potentes para poñervos a crear:

  1. Crear para combater o illamento: as creacións penduraranse no blogue e nas redes do Equipo de Dinamización para crear pontes entre toda a comunidade do Aquis durante o confinamento.
  2. Crear para lembrar: cando o formato o permita, as obras encherán as paredes do centro para recordárennos na volta e no noso día a día a fortuna da liberdade e a felicidade das apertas.

 

Podedes poñervos a crear XA! O prazo para o envío das vosas creacións confinadas estará aberto mentres non volvamos ás aulas. Facédenos chegar a canalización da vosa creatividade a aquisfalamos@gmail.com. No asunto do correo electrónico debedes poñer “Espiral de Creación Viral”.

Fai o que che pete, pero fai algo! En comunidade creamos espirais de alento e de coidado, estruturas que nos axudan a continuar co ánimo alto no camiño e que han contribuír a que saiamos reforzadas desta emerxencia.