Parabéns, Ana!

Hoxe temos a ledicia de publicar que Ana Loureiro Sánchez , de 2º Bacharelato, gañou o segundo premio no concurso Lingua de namorarcon este marabilloso poema:

 

Primavera

Hai margaridas

crecendo no meu peito,

xogas con elas cando me ispo

e escápaselles que te quero.

da280d53ae3cf47e34a198105abc4870_L

 

Non somos espellismos;

só un oasis no deserto.

Esfollando margaridas

volvo a agosto e ao mar,

á calor e á roupa no chan,

a dous corpos nun abismo.

Traes co vento a primavera

e fas mudar as estacións.

 

Aquí vos deixamos a interpretación de  Xermán Bugallo:

PARABÉNS, Ana!!!!

Agroma a esperanza

Agroma a esperanza é o título dun poema colectivo creado remexendo os pés de foto que o profesorado do Aquis colocou nas imaxes que ven desde o seu confinamento.

Agroma a esperanza é tamén unha posta en valor: fóra das nosas ventás a vida continúa e, dentro, aprendemos a valorar mellor a beleza inmensa que nos acubilla.
Isto foi o que vimos o profesorado do Aquis Celenis ao abrirmos as fiestras da nosa casa.

RUXE RUXE Nº 18

Despedimos o curso coma sempre coa publicación da revista do noso GRAN EQUIPO o Ruxe Ruxe que ano tras anos esparexemos polo mundo adiante. Encántanos facer memoria  das actividades que fixemos ao longo do curso, do tempo que pasamos xuntos e xuntas traballando pola nosa lingua, dándolle voltas a ideas que acaban sendo feitos ou non…

Para nós esta revista é algo moi grande porque reflicte o que somos e o que nos importa. Agardamos que gostedes dela.

FELIZ VERÁN  PARA TODOS E TODAS!

MAIO DAS LETRAS

O pasado día 24 de maio celebramos no Aquis o “Maio das letras” cun recital-concerto que foi un éxito total!

Compartimos con vós un vídeo que recolle unha parte desta festa do galego

RECITAN

Serxio Abalo, Fátima Barros e Lucía Razzouki, Pedro Lamas e Lois Gil.

CABINA 402

Miguel Froján (guitarra e voz)

Mateo Laya (baixo)

Miguel Romero (guitarra solista)

Anxo Xesteira (batería)

Pablo Rodríguez (violín)

REPERTORIO

 A chaqueta de lana Heredeiros da Crus. Heroes da resistencia Nao. Non é ficción Pauliña. Mil berros Daquidarría. Miña terra Siniestro Total. Zulema Anxo Xesteira. Camiños Pauliña. Acción galega Popular. Non todo é o que parece Xabarín Club. Xamón Xabarín Club. Eu quero josar Heredeiros da Crus.

VII FESTA DA LINGUA

Hoxe, no Auditorio da Azucreira de Portas, xuntámonos os centros da comarca para facerlle unha boa festa a nosa lingua. As presentadoras, Blanca e Uxía, fíxeron un grandísimo traballo, improvisando, saíndo ao paso dos erros de organización, inevitables coma sempre.

Parabéns ás dúas polo voso entusiasmo!

DSC_0491

Léronse os poemas e relatos inspirados pola palabra “devagar” escollidos pola escritora Andrea Maceiras como os mellores de todos os que se presentaron ao “Concurso de Microtextos Terras do Umia”. Escoitamos os temas seleccionados polos centros para participar no concurso de cancións en galego “Sondoumia” e puxéronllo moi difícil a Amós Varela (batería de NAO) para escoller os traballos gañadores. Tamén se fixo entrega do “Lingumia 2016”, premio á implicación no uso do galego no sector xurídico,  ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción Nº 1 de Caldas e, na súa representación, á xuiza Encarnación Dasi Dorelle.

montaxe2

Rematamos co desexo de volver celebrala o próximo ano, porque o talento e o galego ben merecen unha festa!

Cantamos, lemos, rimos, pasámolo moi ben!

UNHA FESTAZA!!!

HOMENAXE A NEIRA VILAS. DÍA DO LIBRO

tumblr_ny0efdERSK1risr9ko1_500

“¡Se eu fixese un libro! Nin falar. Ogallá que non me atopen o caderno. Daríame vergoña. E non é para menos. Porque nel baleiro todo o que sinto. Moi pouca xente o fai. Todos abren o peteiro para dúas cousas: para dicir a verdade ou para arredarse dela.”

Balbino en Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas

Hoxe, ás sete da tarde no Auditorio de Caldas, celebraremos o Día do Libro cunha fermosa homenaxe a Xosé Neira Vilas.

NON FALTEDES!

Queremos aproveitar a ocasión para facervos un fermoso agasallo: máis de corenta libros en galego listos para a descarga en distintos formatos ou para ler en liña dende a páxina “A Retallaría

retallaria

FALANDO DE LIBROS PARA RADIO CALDAS NA BIBLIOTECA MUNICIPAL

Fai unhas hora que Ana, Lía, Isabel e Enara falaron en directo para Radio Caldas, dende a Biblioteca Municipal, nun programa especial que se ven facendo hai anos para celebrar o Día do Libro.

Ana recomendou a lectura do libro “A miña planta de laranxa lima” de José Mauro de Vasconcelos aínda que sexa “un libro moi triste”. Lía falou de “Escarlatina, a cociñeira defunta” de Ledicia Costas, un libro que xa vai pola súa sétima edición e que levou unha chea de premios, entre eles o Premio Nacional de Literatura Infantil, 2015. Isabel explicou como algúns dos poemas de “Penúltimas tendencias” de Carlos Negro conectaron cos seus sentimentos dun xeito moi especial e, para rematar, Enara comentou que “Vidas post-it” de Iolanda Zúñiga supuxo para ela unha lectura interesante pero sinte que terá que relela no futuro para atoparlle “todo o sentido” aos relatos que configuran esta obra.

As nosas valentes lectoras estiveron moi ben nas súas intervencións e queremos felicitalas ben alto:

PARABÉNS!!!