21 días co galego e +

O 24 de xaneiro comezan os 21 Días co galego e +. Que son? Un programa para fomentar o uso da lingua, no instituto e fóra del, dun xeito lúdico, divertido, festeiro… Iremos contando máis…

E temos camisetas para este evento! Para saber cal é o teu talle de  camiseta necesitamos que respondas a seguinte enquisa: 

https://forms.gle/W61J3xJuyiwqKZCB7

A lingua bota a andar no Aquis!

Este pasado martes 27 de setembro puxemos en marcha, un ano máis, o Equipo da Lingua no noso instituto. Unha marea de mozas e mozos xunto cun grupo de profes xuntámonos durante a hora de xantar para presentármonos e presentar cales van ser os eixos do noso traballo.

Foi un encontro que nos encheu de forza para afrontar o curso porque temos moita xente nova e de todos os cursos, dende 1º da ESO até 1º de Bacharelato. Aproveitamos esta primeira xuntanza para poñer en valor o traballo feito no noso centro o curso pasado a través do proxecto interdisciplinar Poesía para pasear o mundo, intimamente relacionado con dúas datas sinaladas que abrían e pechaban esta semana: o Día Europeo das Linguas e o Día Internacional da Tradución. Demos un marabilloso paseo pola beira do Umia e achegámonos ata o Banco da Poesía que desde finais de xullo está na zona da Tafona. Comprobamos que o código QR que hai no banco nos permite acceder, a través do noso idioma, á poesía creada en moitos lugares do mundo e tamén a unha escolma de poetas galegos/as. Para rematar a visita lemos un dos poemas seleccionados no proxecto.

Así pois, comezou o curso e activouse o Equipo da Lingua!

Ruxe Ruxe nº 23. Agora tamén na rede!

Logo de que todo o alumnado da ESO e todas as persoas colaboradoras do EDLG teñan xa a nova revista Ruxe-Ruxe nas súas mans desde o pasado 27 de xuño, poñemos agora a disposición de todo o mundo, a través do noso blog, o número deste curso da nosa publicación senlleira.

Desde o Equipo da Lingua do Aquis Celenis estamos especialmente contentas de poder achegar a toda a comunidade este Ruxe-Ruxe porque, ademais dunha panorámica ampla do traballo desenvolvido ao longo do ano, transmite o recoñecemento e afecto a varias persoas que deixan o noso centro.

Así pois, agardamos que gocedes do contido dunha revista que procura ser unha canle de información, divulgación, reflexión, entretemento … e que está coordinada polo EDLG pero confeccionada co esforzo normalizador do idioma de toda a comunidade Aquis.

De Rosalía a Florencio Delgado Gurriarán

O Equipo da Lingua está presente, e colabora ao longo de todo o curso co Equipo da Biblioteca e con outros departamentos, nas actividades de fomento da lectura e de celebración de efemérides que prestixian a nosa lingua.

Este ano, logo de ser xa celebrado desde hai anos pola comunidade educativa, fíxose oficial no calendario dos centros de ensino o Dia de Rosalía. E viña con sorpresa, pois a data que agora ficará establecida para a celebración será o 23 de febreiro (no canto do 24) grazas ao recente estudo da investigadora Sagrario Abelleira.

Nós reivindicamos á poeta lendo os seus versos e, grazas á intervención do Departamento de Educación Plástica co alumnado de 4º da ESO, seguimos engalanando o noso centro con creacións artísticas en gran formato que lembran o seu valor fulcral na nosa literatura.

E logo de participar en abril no Camiño dos Libros que coordinou o Equipo da Biblioteca, chegamos á data central das nosas letras.

O compromiso de Florencio Delgado Gurriarán co galego é tamén un exemplo para quen conformamos este Equipo da Lingua. Non é un compromiso dun día solto ao ano senón diario e continuado coma o que mostraron rapazada e profesorado ao longo deste curso.

Nos días previos ao 17 de maio colocamos no instituto a exposición cos carteis sobre a vida e a obra do poeta valdeorrés que homenaxeamos neste 2022. Como achega propia, de novo o Departamento de Plástica, co alumnado de 4º da ESO, agasallounos con dúas magníficas montaxes gráficas sobre o autor de Galicia infinda.

Semana da Ciencia en Caldas de Reis

En maio, a ciencia tomou as rúas da vila! A comezos de mes, o noso alumnado, co estímulo do profesorado de varios departamentos, fixo visible a importancia de trasladarlle á cidadanía o papel da ciencia nas nosas vidas, así como a necesidade de poñer en valor a achega imprescindible das mulleres de onte, de hoxe… e das de mañá.

E no Aquis tamén temos claro que a divulgación científica é unha ferramenta fundamental na normalización do idioma.

A Candeloria: casan os paxaros … e o alumnado toma a palabra!

Desde o Equipo da Lingua queremos parabenizar a iniciativa de varias alumnas de 1º de Bacharelato (especialmente a Catuxa e a Emma) por promover, con moi pouco tempo pero moito esforzo, ilusión e acerto, a celebración da Candeloria como ferramenta dinamizadora do uso do galego no noso centro.

A resposta do alumnado a este convite foi masiva e, o pasado 2 de febreiro, a caixa do correo disposta para o evento encheuse de mensaxes diversas canto a persoas destinatarias e a concepcións do amor.

O alumnado do Aquis tomou a palabra e quixo mostrar o seu amor … tamén á lingua!

Un trimestre ben intenso para o Equipo da Lingua

Levamos case tres meses de xuntanzas e o Equipo da Lingua non parou de traballar para que o galego seguise a estar ben presente na vida do noso centro.

Cada dúas semanas, os martes á hora de xantar, contamos co pulo de mozas e mozos (ao redor de 20 en cada xuntanza) que achegaron o seu entusiasmo e esforzo á preparación do primeiro programa de radio de Ferven as ondas neste curso 21/22. A situación do idioma, a música que nos presta, a denuncia do machismo que nos arrodea, a descuberta de lugares que nos poden marabillar, … todo iso interesou e ocupou ás reporteiras e aos reporteiros do Aquis.

Neste derradeiro día de clase do ano 2021 presentamos a todo o alumnado do centro (grupo por grupo) o noso traballo e convidámolo a formar parte dun Equipo que pretende que a nosa lingua sexa unha realidade viva, moi especialmente entre a xente nova.

Boas vacacións, celenas e celenos!