A lingua bota a andar no Aquis!

Este pasado martes 27 de setembro puxemos en marcha, un ano máis, o Equipo da Lingua no noso instituto. Unha marea de mozas e mozos xunto cun grupo de profes xuntámonos durante a hora de xantar para presentármonos e presentar cales van ser os eixos do noso traballo.

Foi un encontro que nos encheu de forza para afrontar o curso porque temos moita xente nova e de todos os cursos, dende 1º da ESO até 1º de Bacharelato. Aproveitamos esta primeira xuntanza para poñer en valor o traballo feito no noso centro o curso pasado a través do proxecto interdisciplinar Poesía para pasear o mundo, intimamente relacionado con dúas datas sinaladas que abrían e pechaban esta semana: o Día Europeo das Linguas e o Día Internacional da Tradución. Demos un marabilloso paseo pola beira do Umia e achegámonos ata o Banco da Poesía que desde finais de xullo está na zona da Tafona. Comprobamos que o código QR que hai no banco nos permite acceder, a través do noso idioma, á poesía creada en moitos lugares do mundo e tamén a unha escolma de poetas galegos/as. Para rematar a visita lemos un dos poemas seleccionados no proxecto.

Así pois, comezou o curso e activouse o Equipo da Lingua!

Paseo sonoro con Xela

Que vos parecería escoitar as letras de Xela na voz do alumnado e profesorado do Aquis e na voz da propia Xela? Para todos e todas vós, que non puidestes disfrutalo nos corredores do Aquis, deixámosvos aquí esas voces para que poidades escoitalas:

Os gañadores do concurso foron Laura Rey 4ºESO A e Diego Valiñas 1ºESO B.

As LETRAS GALEGAS en caricatura

Arredor da celebración nosas Letras visitou o Aquis Heitor Picallo, gran artista e divulgador da nosa cultura, quen compartiu co alumnado de 4º ESO de Plástica os orixinais do libro que vén de publicar As Letras Galegas en Caricatura e fixo un percorrido vinculando esas ilustracións cos autores e autoras homenaxeados nas Letras Galegas e con algunhas primeiras edicións de obras da literatura galega.

Achégase o Día das Letras

Achégase o Día das Letras, que este ano se adica a Xela Arias. No Aquis levamos un tempo preparando actividades para homenaxeala, que faremos públicas axiña, pero mentres podedes ver no Portal da Lingua Galega as exposicións e as guías didácticas das dúas mostras gañadoras do Concurso-exposición das Letras Galegas deste curso: https://www.lingua.gal/o-galego/promovelo/dia-das-letras-galegas. Na mesma ligazón atoparedes outras actividades relacionadas con Xela Arias que tamén se están a realizar nos centros educativos.

Pola súa parte, a Real Academia Galega tamén ofrece na súa web https://academia.gal/letras-galegas/2021/xela-arias unha ampla variedade de iniciativas sobre a autora, desde unha serie documental ou micropezas audiovisuais a recursos lúdicos e didácticos.

Animámosvos a botarlle un ollo!

Carlos Negro no Aquis

O escritor Carlos Negro, autor de libros como Makinaria ou Penúltimas tendencias pasou polo Aquis para realizar un taller co alumnado e tamén foi entrevistado polo ENDLG.

Velaí vos deixamos o podcast desa entrevista:

Ir a descargar

E xa que estamos a falar de Carlos Negro, dúas alumnas de 3º ESO, Águeda e Valeria, crearon este videopoema a partires de Adolescencia (poema deste autor):

Programa 0 da radio do ENDLG

Xa está aquí o programa 0 da radio do Equipo de Dinamización da Lingua do Aquis, que vén cargadiño coas seguintes seccións: 


– Como din coa lingua no Aquis?
– Entrevista a unha profesora de fóra de Galicia. 
– E ti que opinas?
– Especial do Día Internacional da Poesía.
– Despedida e reflexión final. 

Esperamos que vos guste!

Go to download