A lingua bota a andar no Aquis!

Este pasado martes 27 de setembro puxemos en marcha, un ano máis, o Equipo da Lingua no noso instituto. Unha marea de mozas e mozos xunto cun grupo de profes xuntámonos durante a hora de xantar para presentármonos e presentar cales van ser os eixos do noso traballo.

Foi un encontro que nos encheu de forza para afrontar o curso porque temos moita xente nova e de todos os cursos, dende 1º da ESO até 1º de Bacharelato. Aproveitamos esta primeira xuntanza para poñer en valor o traballo feito no noso centro o curso pasado a través do proxecto interdisciplinar Poesía para pasear o mundo, intimamente relacionado con dúas datas sinaladas que abrían e pechaban esta semana: o Día Europeo das Linguas e o Día Internacional da Tradución. Demos un marabilloso paseo pola beira do Umia e achegámonos ata o Banco da Poesía que desde finais de xullo está na zona da Tafona. Comprobamos que o código QR que hai no banco nos permite acceder, a través do noso idioma, á poesía creada en moitos lugares do mundo e tamén a unha escolma de poetas galegos/as. Para rematar a visita lemos un dos poemas seleccionados no proxecto.

Así pois, comezou o curso e activouse o Equipo da Lingua!

Ruxe Ruxe nº 23. Agora tamén na rede!

Logo de que todo o alumnado da ESO e todas as persoas colaboradoras do EDLG teñan xa a nova revista Ruxe-Ruxe nas súas mans desde o pasado 27 de xuño, poñemos agora a disposición de todo o mundo, a través do noso blog, o número deste curso da nosa publicación senlleira.

Desde o Equipo da Lingua do Aquis Celenis estamos especialmente contentas de poder achegar a toda a comunidade este Ruxe-Ruxe porque, ademais dunha panorámica ampla do traballo desenvolvido ao longo do ano, transmite o recoñecemento e afecto a varias persoas que deixan o noso centro.

Así pois, agardamos que gocedes do contido dunha revista que procura ser unha canle de información, divulgación, reflexión, entretemento … e que está coordinada polo EDLG pero confeccionada co esforzo normalizador do idioma de toda a comunidade Aquis.

Paseo sonoro con Xela

Que vos parecería escoitar as letras de Xela na voz do alumnado e profesorado do Aquis e na voz da propia Xela? Para todos e todas vós, que non puidestes disfrutalo nos corredores do Aquis, deixámosvos aquí esas voces para que poidades escoitalas:

Os gañadores do concurso foron Laura Rey 4ºESO A e Diego Valiñas 1ºESO B.

As LETRAS GALEGAS en caricatura

Arredor da celebración nosas Letras visitou o Aquis Heitor Picallo, gran artista e divulgador da nosa cultura, quen compartiu co alumnado de 4º ESO de Plástica os orixinais do libro que vén de publicar As Letras Galegas en Caricatura e fixo un percorrido vinculando esas ilustracións cos autores e autoras homenaxeados nas Letras Galegas e con algunhas primeiras edicións de obras da literatura galega.

Achégase o Día das Letras

Achégase o Día das Letras, que este ano se adica a Xela Arias. No Aquis levamos un tempo preparando actividades para homenaxeala, que faremos públicas axiña, pero mentres podedes ver no Portal da Lingua Galega as exposicións e as guías didácticas das dúas mostras gañadoras do Concurso-exposición das Letras Galegas deste curso: https://www.lingua.gal/o-galego/promovelo/dia-das-letras-galegas. Na mesma ligazón atoparedes outras actividades relacionadas con Xela Arias que tamén se están a realizar nos centros educativos.

Pola súa parte, a Real Academia Galega tamén ofrece na súa web https://academia.gal/letras-galegas/2021/xela-arias unha ampla variedade de iniciativas sobre a autora, desde unha serie documental ou micropezas audiovisuais a recursos lúdicos e didácticos.

Animámosvos a botarlle un ollo!

Cando falo galego… son protagonista!

O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do Aquis quere animarvos a seguir movendo a nosa Lingua en todos os ámbitos, incluíndo as redes sociais máis empregadas. Unha destas redes é Tiktok; nela apenas hai contido en galego, así que creamos a nosa conta @aquisfalamos e animámoste a participar nesta campaña de dinamización:

crea o teu vídeo en galego, debe conter a frase: “Cando falo galego…”, súbeo a Tiktok e compárteo con nós a través do whatsapp (enviándoo ao número 654838767) ou ben a través do correo, envía a ligazón a aquisfalamos@gmail.com co asunto “Cando falo galego… ” Tanto se o envías por whatsapp como por correo, indica o teu nome e apelidos, curso e grupo.

Imos rebentar Tiktok!

Ao final de cada semana compartirémosvos o vídeo máis creativo a través da canle de TikTok, Instagram e whatsapp.