A Novena Festa da Lingua, celebrada o venres 4 de maio na azucreira de Portas foi unha festa das letras e da música na nosa lingua, na que o protagonismo é das alumnas e alumnos dos centros integrados na Coordinadora Terras do Umia.
Oito grupos de música participando en directo no Sondoumia, as persoas vencedoras do concurso de microtextos lendo os seus escritos ao redor da palabra clave “eiva” e sete valentes contando as súas historias para levar o primeiro premio do Contaumia. En fin, dúas horas de xuntanza e emoción.
Este ano tivemos a sorte de contar con grandes profesionais nos distintos xurados, aos que hai que agradecer a súa disposición e colaboración desinteresada. Así, como xurado de microcreacións, tivemos ao escultor Fran Rodríguez Remiseiro; nos microtextos actuou de xurado o escritor Nacho Taibo; a difícil función de xurado musical correspondeulle ao grupo Tanxugueiras; e para valorar a actuación de contadoras e contadores acompañounos na festa o actor Fran Rei. Todo un luxo poder compartir unhas horas con eles!
Na festa tamén se entregou o Lingumia deste ano a actriz cofundadora de Ibuprofeno Teatro, Marián Bañobre. Con este premio preténdese recoñecer a profesionais de distintos ámbitos que, desde o seu traballo, promocionen e defendan a lingua do único xeito efectivo: co seu emprego normal acotío. Ao recoller o premio, Marián falounos dos motivos que a levaron a converterse en galegofalante, nun pequeno discurso precioso que, desafortunadamente, o noso cámara non recolleu (non se pode estar en todo….).
En fin, o EDLG do Aquis só ten palabras de agradecemento para todo o alumnado que participou nos diferentes concursos, para as presentadoras, para o cámara…Claudia, Ana, Anaís, Lucía, Manuela, María, Sara, Zaira, Alba, Xulián, Brais, Gabriel….Con xente coma vós a lingua ten futuro!!!