Xa estamos en febreiro e volve a nosa tradicional postal do amor.
Con ela poderedes participar no concurso de textos de amor “Amo a túa lingua”, ou escribir unha mensaxe para que o equipo de dinamización lla entregue ao destinatario, ou gardala de recordo e empregala como marcapáxinas…
A base da tarxeta deste ano é unha fotografía que o alumno de 4º Gabriel Lamas realizou a varias/os alumnas/os que quixeron colaborar co EDLG.
No lema quixemos xogar co léxico: amor, morea, amorear, amorearse…. Que imaxes che evoca? Que palabras che inspira? A nós suxírenos moreas de mozos e mozas do Aquis na procura das palabras axeitadas para amorealas nun precioso texto de amor.
Amoréate a nós, a quen pensamos que para namorar (e para mercar, para pensar, para divertirse, para vivir…) nada soa máis doce e agarimoso cá nosa lingua.