Por ANXO CONSTENLA (1ºC Bach)
Os grupos de 1º de Bacharelato do IES Aquis Celenis de Caldas asistimos o pasado 17 de xaneiro ao auditorio a unha conferencia dunha persoa nada na India, Anik Nandi, quen nos falou do seu país natal e das linguas que alí se falan; díxonos cales eran as comidas típicas da India, os festivais máis importantes, aspectos relevantes da súa cultura… Tamén nos comentou cales eran as linguas que falaba e como as aprendera.
A min a conferencia pareceume moi interesante, xa que tiñamos ante nós unha persoa culta e que viña de moi lonxe con datos moi curiosos. Sorprendeume que soubera falar tantos idiomas diferentes e con alfabetos tan diferenciados. Penso que se tivo que esforzar moito para aprender o galego ou o castelán, sendo a súa lingua o bengalí. Por outra banda, quero resaltar o inciso que fixo comparando a situación da súa lingua coa do galego, aínda que no seu país se falen máis idiomas ca en España. Por último, algúns compañeiros fixéronlle preguntas moi interesantes cuxas respostas me sorprenderon.