VIAXE A COIMBRA CO IES DO PORTO DO SON

Xa levamos uns anos facendo esta viaxe conxunta co IES do Porto do Son e, mentres sexa posible, repetiremos xogos, lecturas, risas, aprendizaxe e festa cos nosos amigos e amigas.

Compartivos con vós o fantástico resumo da viaxe que publicou Sonia no blog da Biblioteca do IES do Porto do Son  “etikeles“:

Todos-Coimbra-768x386

“Atrás as boas lembranzas de Viana do Castelo, Porto e Guimarães. Un ano máis compartimos roteiros, lecturas, visitas guiadas e festa cos mozos e mozas do Aquis Celenis de Caldas de Reis, coas súas profesoras Marga e Ana. Por suposto, botamos en falta a Pedro, pero contamos con el para o ano que vén!

De camiño,  en Braga, procuramos fachadas románicas e manuelinas, esferas armilares, ruínas romanas,  xardíns con arcadas góticas, violas, mercearías, a fermosa libraría Centésima Página -recomendámovos parar a tomar algo na súa terraza- e, por suposto, a Biblioteca Municipal.

Pola tarde recibiunos o Mondego.  Percorremos as rúas procurando fados, guitarras, as lágrimas de Inés de Castro na Quinta dos seus amores con Don Pedro,  a Zeca Afonso ao pé da Sé Velha e o seu Grândola Vila Morena que nos cantaron ás profes no café que mira á igreja de Santa Cruz.

Algo de festa á noitiña, pero pouca, porque á mañá seguinte volvemos camiñar pola cidade. Baixo a atenta mirada de Don Dinis, Paulo e Branca, guías da Cámara Municipal, descubríronnos recunchos, tradicións e monumentos. Ben simpáticos, sempre tan amables os nosos veciños, contáronnos das tradicións da Universidade de Coimbra: a Festa das Latas a comezo de curso para dar a “benvida” aos caloiros; o sentimento de identidade que aporta o traxe dos estudantes, as estritas normas do seu uso -mesmo os castigos polo incumprimento- e os amores e desamores das longas capas; a vida dos estudantes nas “repúblicas”; os fados baixo as ventás das mozas; e a Queima das Fitas para pechar o ano curso. Un inesperado agasallo: na Casa dos Fados interpretaron para nós o Fado de Coimbra.

Pola tarde, Cristina recibiunos no Paço das Escolas para visitar a Universidade no que fora Paço Real. Sorprendeunos coa beleza da Biblioteca Joanina e as salas, en especial, a Sala dos Capelos. Dende a torre, a cabra había soar dende a torre do reloxo para chamar ás aulas, mais a nós, permitiunos disfrutar unha vista privilexiada sobre a cidade.

Para rematar, un novo xogo preguntando pola música, os libros, as películas, o bacallao e as palabras femosas! Pronto vos contaremos delas.

Na noite de despedida si houbo festa!

O sábado, xa de volta, ameazaba a chuvia, pero deixounos aínda pasear por Aveiro. Quen sabe se este non será o novo destino para o vindeiro ano!!!”

aveiro

Como en Aveiro chovía, a fotógrafa “oficial” non levou a cámara. Deixamos de mostra esta fermosa foto que nos enviou Katia Baldomero.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s