SON GALEGO, SON CUBANO

songalegosoncubano.PNG

“O xoven e talentoso músico galego Roi Casal (arpista, compositor, cantante e director) foi premiado en 2014 na Habana co premio internacional Cubadisco. Alí ofreceu un memorable concerto no Palacio Nacional de Bellas Artes. Vencellouse ó mundo galego-cubano, e tomou contacto con institucións culturais e con personalidades da cultura. Camiñou, conversou, observou e quedou namorado da capital habaneira e do xeito de ser daquel pobo, alegre, cordial, solidario.

Mantivo contactos moi frutíferos con músicos cubanos e en Cuba presenta un concerto coa estrea destes CANTOS GALEGO-CUBANOS. Cadra que eu son o autor das letras, e coñezo ben ese vínculo entre os dous pobos, porque residín 31 anos nesa Illa entrañable. Amo a Cuba e foi para min honroso e pracenteiro escribir estes textos para Roi Casal.

O vencello íntimo, profundo entre Galicia e Cuba ten case dous séculos. Galicia apenas participou na conquista e colonización dos primeiros tempos. Destaca logo o histórico bojeo do tudense Sebastián de Ocampo, en 1509 e a presenza activa, en torno ó século XVIII, do prelado Evelino de Compostela, o xornalista Araújo de Lira, os xuriconsultos Pasarón e Vázquez Queipo. Son excepcións. A nosa emigración masiva comeza na metade do século XIX e dura ata 1930, pouco máis ou menos, coincidinco coa crisis mundial e o derrocamento do tirano Machado.

Os galegos participaron nos traballos máis diversos, no campo e na cidade. Algúns serían notables escritores, artistas, científicos, outros fundaron bancos, empresas; tamén os houbo que loitaron pola independencia de Cuba e tomaron parte nas loitas sociais. Dende Cuba financiáronse 200 escolas e outras obras, e en Cuba naceu a Academia Galega, e símbolos hoxe vixentes como a nosa bandeira e o noso Himno, ambos centenarios.

A Cuba arribaron moitos músicos galegos. Os que integraron orquestras populares, grupos de cámara e sinfónicos. No século XIX o laureado Xosé Castro, Chané, director do orfeón Ecos de Galicia; Felisindo Rego, autor da zarzuela Non máis emigración, con texto de Ramón Armada; Ricardo Fortes, que musicou poemas de Curros Enríquez; o profesor Joaquín Zon. Ademais destacaron a coral Saudade, solistas de zanfona, rondallas de laúd e guitarra, e por suposto conxuntos de gaiteiros. E a pianista e compositora coruñesa María Muñoz, que fundou a Sociedade Coral da Habana, o Conservatorio Bach e os grupos Cantorías, en todo o país (estudantes que cantan cancións populares), e fundou a importante revista Musicalia. Estes son só uns datos mínimos sobre músicos galegos en Cuba.

Este achegamento entre os pobos irmáns de Galicia e de Cuba fortalécense aínda máis coa música e as cancións de Roi Casal.”

Xosé Neira Vilas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s