Esta fin de semana foi a estrea de A Esmorga de Ignacio Vilar, unha nova adaptación cinematográfica da novela de Blanco Amor.
Escollemos para describila unha parte do artigo de opinión de Francisco Rodríguez “A esmorga, un salto de xigante”
“Necesitamos falar de nós, construírmos unha imaxe, tamén cinematográfica, do noso mundo, o mundo galego, un anaco de humanidade con dereito a expresarse en plenitude.
A esmorga cinematográfica, como toda adaptación dunha novela, moito máis se é de envergadura, é unha escolla, unha visión. Porén, podemos dicir que a opción escollida respecta o sentido, a intención básica, do texto literario. Están todos os espazos simbólicos do percorrido, aparecen os personaxes principais e os secundarios, a súa caracterización e a súa función, transmítese o ambiente meteorolóxico, o psico-social , o ideolóxico e o moral. E, poderosa novidade –un dos maiores valores do filme-, a imaxe dunha natureza impresionante e dun patrimonio histórico asombroso, que a cámara recrea coa habelencia da maior apertura de mirada e a sabia incardinación dos seres humanos neles, formando unha unidade visual sorprendente. Vemos un país exuberante, rico, á vez que decadente, vello e desestruturado, fragmentado socialmente. Tendo presente o descoñecemento da Galiza polos propios galegos, moitos espectadores, en especial mozos, ficarán sorprendidos coa atmosfera natural, patrimonial, do filme, coa súa forza expresiva, como elemento complementario decisivo, que dá cobertura e coherencia ambiental á historia que se desenvolve perante os seus ollos. ”